Friday 03 de May de 2024

A Biblioteca Nacional inaugura mañá a gran mostra en homenaxe a Pardo Bazán coorganizada pola Xunta con 200 pezas


En colaboración con Acción Cultural Española e a Comunidade de Madrid, enmárcase nos actos do centenario do pasamento da autora

Comisariada pola historiadora Isabel Burdiel, percorre a vida e obra da autora con manuscritos, libros impresos, gravados ou fotografías

A gran exposición Emilia Pardo Bazán. O reto da modernidade inaugurarase mañá na Biblioteca Nacional de Madrid. Coorganizada pola Xunta de Galicia poderá verse ata o 26 de setembro e reunirá máis de 200 pezas entre libros, manuscritos, fotografías, óleos, debuxos, mobles e outros obxectos da autora no marco dos actos conmemorativos do centenario do seu pasamento que teñen lugar este ano.

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, participou hoxe en Madrid na rolda de prensa de presentación da exposición xunto á directora da Biblioteca Nacional de España, Ana Santos; o presidente de Acción Cultural Española, José Andrés; o viceconselleiro da Consejería de Cultura y Turismo da Comunidad de Madrid, Daniel Martínez; e a comisaria da exposición, a historiadora, Isabel Burdiel.

Como expresou, trátase dunha exposición “froito da intensa vontade institucional por achegar a figura de Pardo Bazán ao gran público” a través dunha proposta que destacará a personalidade e traxectoria “desta autora galega e cosmopolita, adiantada ao seu tempo con pezas que retratan a súa memoria e legado”, expresou. Recordou que tamén se porá en valor a súa figura como unha muller que participou en actividades, debates e tarefas intelectuais e literarias naquel momento reservadas para homes, ademais de ser unha firme defensora da educación da muller.

O conselleiro de Cultura agradeceu de xeito especial á Real Academia Galega (RAG) e ao Concello da Coruña a súa colaboración, así como á comisaria o labor de investigación e intenso traballo levado a cabo nos últimos meses para facer realidade esta exposición. Emilia Pardo Bazán. O reto da modernidade realiza un percorrido pola súa vida e obra amosando o papel decisivo que desempeñou na renovación da ficción da súa época, así como na construción da esfera cultural e o canon literario decimonónicos. A través de 200 pezas procedentes de fondos públicos e privados de varias entidades, a exposición resalta, ademais da súa faceta como novelista, tamén o seu papel como xornalista, crítica e historiadora da literatura, dramaturga e mesmo empresaria cultural cunha revista e unha editorial que foron pioneiras na difusión en España da literatura rusa e dos debates sobre feminismo.

Para facelo posible, ademais da Biblioteca Nacional de España, colaboran na achega dos fondos 19 persoas e entidades entre as que destaca a Real Academia Galega, ademais da Casa Museo Pardo Bazán da Coruña, o Museo de Belas Artes da Coruña, Sargadelos, o Museo Nacional do Teatro de Almagro, o Museo Nacional do Romanticismo, a Real Academia Española ou o Ateneo Científico, Literario e Artístico de Madrid, entre outras.

Divídese en cinco seccións que poñen de manifesto como a súa obra novelística e crítica, así como a súa proxección pública como personaxe, foron capaces de dar cabida a todas as manifestacións da modernidade da España da Restauración. A primeira sección repasa desde 1851 ao 1884, narrando a súa infancia e primeira xuventude, así como o proceso persoal e intelectual da súa conversión como escritora.

O segundo bloque afonda na súa consagración literaria, que tivo lugar especialmente entre 1884 e 1890, repasando algunhas das súas obras e intervencións públicas. A súa imaxe como intelectual célebre e o seu feminismo son obxecto dunha sección especial da exposición que se centra fundamentalmente na década dos 90 do século XIX. A participación de Pardo Bazán no debate rexeracionista en España e a evolución da súa literatura e personaxe público nas primeiras décadas así como a imaxe actual da súa figura completan a mostra.

Programación especial
Pode verse ata o 26 de setembro na Sala Recoletos da Biblioteca Nacional de España. Posteriormente trasladarase ao Kiosko Alfonso na Coruña, onde se poderá visitar desde o 22 de outubro ata o 18 de decembro de 2021. A súa vinculación coa cidade da Coruña, na que naceu, levou á Xunta a elixila como sede da exposición na nosa Comunidade en colaboración co Concello.

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade recordou que esta iniciativa se enmarca no compromiso da Xunta coa divulgación do traballo de Pardo Bazán de xeito máis intenso durante todo este ano cunha ampla programación sobre o centenario con máis de corenta actividades que inclúen exposicións, congresos internacionais coas universidades galegas, actividades de formación e divulgación así como a conversión dixital dalgunha das súas obras, entre outras iniciativas.